miércoles, 25 de junio de 2008

Historia do Grupo "Anaquiños da Terra"

O Grupo “Anaquiños da Terra” naceu alá polo ano de 1955, daquela como Coro, cando nunha Xuntanza saíu elixida unha Dirección do Grupo con Presidente, Secretario (o amigo, Amadeo Candeira Bouzó) Tesoureiro e uns cantos Vocais. Nesa Xuntanza foron elaborados os primeiros estatutos ou regulamentos, que impuñan certas obrigas a tódolos seus elementos.

Despois de superadas moitas dificultades, como foron as relacionadas cos traxes, cos ensaios e cos músicos, o Grupo “Anaquiños da Terra” estreouse no día 6 de xaneiro de 1956, na festa de Reis. Esa noite foi, apoteótica.

Despois desta estrea seguíronse algunhas actuacións do Grupo fora da Casa: no Centro Español, no Festival de Coros no Espelho d’Água e na Radio Peninsular, todas elas baixo a dirección artística do noso querido e saudoso Artemio Laxe Carracedo, cun elenco de seis donas, un gaiteiro e unha ducia de rapaces.

Mentras Artemio tivo de ausentarse do Grupo por razóns persoais, xurde para rexer o Coro Anaquiños da Terra, Avelino Abuín de Teimbra, que na súa terra, Padrón, tiña axudado a iniciar un coro do cal fixo tamén parte. Dous anos mais tarde volve Artémio, e integrase de novo no Coro pero como gaiteiro, xa que Abuín segue rexendo o mesmo. Desde ese entón o Coro Anaquiños da Terra pasaba a ter dous gaiteiros.

Moitas foron as actuacións do Grupo baixo a rexencia de Abuín, destacándose as que se realizaron:
  • No Coliseu dos Recreios, por ocasión do “Gran festival Galaico-Minhoto”
  • Na Radio Portuguesa

Nese intre xa estaba como Presidente dos “Anaquiños da Terra” o saudoso Antonio Tomé Martínez e foi entón que se levantou a cuestión da falta de danzas no Grupo. O Artemio, nunha das súas visitas á terra, colocou un anuncio no “Faro de Vigo”, procurando un mestre que coñecese ben o tema. Apareceu Miguel, un mozo que facía parte do Grupo de Baile “Froles Mareliñas” de Chapela, en Vigo.

Para facer fronte ós gastos, máis unha vez o Grupo recorreu ás rifas e tivo a axuda do caro amigo Luís Seijo Garcia, de Celanova - Ourense, dono da “Pensión Imperial”, nos Restauradores, que cobraba metade do que valían as diarias. De recordar, tamén, a axuda da dona do que, na época. era Presidente da Xuventude de Galicia, D. José Varela Feijoo: ela debuxou e pintou, en pano de seda, o estandarte dos “Anaquiños da Terra”.

Foi durante os seis meses que estivo Miguel en Lisboa que as danzas melloraron dabondo, en especial a coreografía da “Muiñeira de Cabanas”, que aínda hoxe fai parte do repertorio do Grupo de danza “Anaquiños da Terra”.

Cando Abuín regresou a Padrón, a Dirección da Xuventude de Galicia deu autorización para contratar en Galicia un novo director para o Coro e a escolla recaeu en D. Francisco, segundo mestre na Banda Municipal de Santiago de Compostela. El estivo co Grupo apenas durante seis meses e, pasado ese tempo, volve Artemio a dirixir o Coro. Nese momento o “Coro Anaquiños da Terra” xa contaba con 35 elementos, incluíndo os gaiteiros. Foi tamén nesa ocasión que se incorpora ó Grupo “Anaquiños da Terra” o Paulo Marinho, por invitación do Artemio.

Moitas mais actuacións se sucederon:

  • No Teatro D. María II, no Rossio, no acto de Homenaxe a Amélia Rei Colaço.
  • No Teatro São Luiz, coa colaboración do Grupo de Teatro da Xuventude de Galicia.
  • Na Faculdade de Letras de Lisboa.
  • Nunha visita a Faro – Algarve, invitados pola Câmara Municipal.
  • Nunha visita a Vila Nova de Mil Fontes - invitados por un empresario hoteleiro.
  • Na RTP - Radiotelevisão Portuguesa, por 2ª vez.
  • No Castelo de São Jorge – Lisboa, amenizando un xantar en que participaron, entre outros, D. Mariano Rajoy, daquela presidente da Deputación de Pontevedra, o Conselleiro Cuíña, e os Alcaldes de Ponteareas, de Covelo e da Cañiza.
  • Ida á Sertâ, convidados pola Câmara Municipal. Neste momento xa era presidente dos “Anaquiños da Terra” o amigo Constantino Costal.
  • No Festival no Teatro da Trindade, retransmitido para a América Latina pola Emisora Nacional.

Hai que destacar tamén o quinteto de pequenos gaiteiros, composto por dúas rapaciñas e tres rapaces.

Ó longo destes 53 anos de existencia, os “Anaquiños da Terra” teñen seguido divulgando a nosa Cultura e actuando nos mais distintos lugares e programas, podéndose destacar: o programa “Luar” da Televisión de Galicia, a RTP – Radiotelevisão Portuguesa, a Romaría de Sto. Amaro, a Beneficencia Española, a Aula Magna da Universidade de Lisboa.

Foi posible elaborar esta breve historia dos “Anaquiños da Terra” grazas a un libriño escrito polo “Anaquiño” e saudoso Amigo Artemio Laxe Carracedo que amablemente o ofreceu a algúns dos elementos do Grupo e á Xuventude de Galicia na persoa da entón Presidenta Dª. Hortensia Martínez, por ocasión da nosa Festa de Reis de 2004.

!Grazas Artemio, grazas Amadeu e a todos aqueles que de algunha forma contribuíron para o engrandecemento do Grupo “Anaquiños da Terra”!

O noso maior afán é poder continuar coa vosa obra.


Anaquiños da Terra